xoves, 6 de novembro de 2014

A fórmula cooperativa como alternativa de emprego ante a crise

Aproveitando a “temática libre” desta colaboración no blogue do compañeiro e compañeiras de Innova, e posto que o traballo por conta propia como medida de inserción laboral é un dos temas tamén importantes da orientación laboral, aproveito para facer difusión e poñer en valor a figura da cooperativa como forma xurídica para o emprendemento en tempos de crise, e, pola miña experiencia, unha das formas xurídicas máis descoñecidas no asesoramento técnico.

Que son as cooperativas?
As cooperativas son empresas onde as socias e os socios se xuntan voluntariamente para satisfacer as súas necesidades, xa sexan económicas, sociais ou culturais en común, na que a propiedade é conxunta e a súa xestión democrática.
As cooperativas son sociedades de capital variable que, a través do exercicio de actividades socioeconómicas, desenvolve unha empresa de propiedade conxunta de todos os socios. A súa finalidade consiste en prestar servizos e satisfacer necesidades e aspiracións dos seus socios, mediante a súa participación activa e en interese pola comunidade.
Neste sentido, o modelo cooperativo, desde o meu punto de vista, conta coas maiores potencialidades para desenvolver políticas transversais en temas como o emprego, a revitalizacion demográfica, o fomento do asociacionismo empresarial, a integracion social, etc. 
Contan cunha estrutura e xestión democráticas, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, distribuíndose os resultados económicos en función da actividade cooperativizada realizada. Calquera actividade económico-social poderá desenvolverse mediante unha sociedade cooperativa.



Por qué elexir a fórmula cooperativa fronte a outras formas xurídicas?
  1. As cooperativas son unha fórmula de traballo estable, é dicir, na medida en que o proxecto empresarial creado para ter un posto de traballo é de todas as persoas socias, todas elas lotiarán por permanecer nas mellores condicións posibles no mercado de traballo o que garante un alto nivel de estabilidade laboral.  
  2. Existe unha dobre condición de socio/a e traballador/a, o que implica maior motivación xa que están máis identificados co proxecto e os beneficios redistribúense de forma máis equitativa.
  3. Mellora da calidade de vida, xa que permite a conciliación laboral e familiar.
  4. Permiten facer realidade o proxecto profesional e vital dos socios, aproveitando as súas habilidades e os seus coñecementos.
  5. É unha boa oportunidade para persoas que teñan unha maior dificultade de atopar emprego por pertencer a un colectivo determinado (xente nova, maiores de 45 anos, mulleres, colectivos socialmente excluídos)
  6. Vinculación co territorio, as persoas poden entrar e saír da cooperativa, pero a cooperativa como tal permanece ligada ao ámbito territorial donde os socios teñen a súa residencia o que redunda nunha maior cohesión económica e social e no mantemento da poboación.
  7. Poderíamos falar tamén das axudas e apoios que existen a favor da economía social e que tamén poder inclinar a balanza hacia esta forma xurídica, pero considero que non é un dos factores que deberían primar xa que para decidirse por esta figura debemos crer nos seus principios e valores, doutro xeito non teria sentido. Recalcar neste punto que, a través da Estratexia Europea 2020, Europa está a apostar pola economía social, e en concreto polas cooperativas, e por un crecemento intelixente, sostible e integrador para o impulso dunha economía cun alto nivel de emprego que fomente a cohesión social e territorial.
  8. Especialmente adecuada no contexto económico actual. As sangrantes cifras de peche de empresas debido a crise, ou polo contrario, empresas que estando saneadas e que son viables económicamente, pero que poden non contar con relevo xeracional, poden atopar na transformación da empresa nunha cooperativa de traballo asociado unha solución viable para levar a cabo un proxecto empresarial, xa que, ás veces supoñen a única oportunidade para poder continuar no mercado.
Por se alguén quere consultar deixo aquí un enlace á guia para a transformación de sociedades mercantís en cooperativas detraballo asociado publicada pola Confederación de Cooperativas de Traballo Asociado, COCETA.

Para finalizar, recordar que levar adiante un proxecto emprendedor conleva un risco, pero o risco compartido é menor, e as cooperativas son unha boa alternativa empresarial e laboral no caso de querer promover ou participar nun proxecto empresarial de forma colectiva.



Se queres saber máis sobre as cooperativas:
- Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es/portada-cooperativas
- Consello Galego de Cooperativas: http://www.cooperativasdegalicia.com/asistente/
- Rede Eusumo: http://www.eusumo.coop/

1 comentario:

  1. Grazas María pola túa aportación (a boas horas). Abríndonos a mente ó cooperativismo.

    ResponderEliminar